Thursday 16 de May de 2024

Medio Ambiente abre unha rolda de contactos con alcaldes, propietarios e empresas para impulsar o Plan Reitor do Eume


A directora de Patrimonio Natural, Belén Do Campo, e o rexedor de Cabanas, Germán Castrillón, reuníronse esta semana para retomar as conversas sobre o PRUX que está en tramitación e coñecer de primeira man as achegas do concello

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén Do Campo, e o alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, mantiveron unha reunión de traballo co fin de intercambiar opinións sobre o futuro Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) do parque natural das Fragas do Eume, un documento clave para a protección deste espazo xa que regulará as actividades e usos permitidos no mesmo.

Con esta xuntanza, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda dá por iniciada unha nova rolda de contactos aberta á participación das distintas institucións, empresas e asociacións de propietarios desta zona co fin de darlle un pulo definitivo á tramitación do documento. O obxectivo é que de aquí a final de ano a Xunta poida recibir e escoitar a opinión de todos os sectores con intereses no parque natural sobre o contido do PRUX, que nestes momentos se atopa en tramitación.

Así, o alcalde de Cabanas aproveitou o encontro para trasladarlle á directora xeral a importancia de que todas as institucións públicas, non só a Xunta, se impliquen directamente na xestión e posta en valor deste parque natural. A modo de exemplo, Germán Castrillón referiuse á iniciativa impulsada polo seu municipio para bonificar nun 30% o importe do Imposto de Bens Inmobles (IBI) en todos os inmobles incluídos dentro do parque natural das Fragas do Eume.

Neste sentido, cómpre lembrar que un dos obxectivos que marcarán o contido do futuro PRUX será tentar conxugar a protección do patrimonio natural desta zona cos intereses económicos e particulares dos propietarios de terreos así como das actividades empresariais que dependen directa ou indirectamente das Fragas do Eume.

Previsión de aprobación dos PRUX
Esta complexidade e o gran número de sectores implicados, unido ao feito de que se trata do segundo parque natural máis extenso dos seis que hai en Galicia están a marcar o ritmo de tramitación do seu Plan Reitor de Usos e Xestión. En todo caso, tal e como avanzou a conselleira Ángeles Vázquez no Parlamento, o obxectivo é que tanto o PRUX de Fragas do Eume como o de Baixa Limia-Serra do Xurés sexan unha realidade en 2019.

En canto ao resto de parques, cómpre lembrar que antes de que remate o ano, a Consellería de Medio Ambiente ten intención de aprobar os PRUXs correspondentes ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas e aos parques naturais de Monte Aloia, O Invernadeiro, Serra da Enciña da Lastra e Corrubedo-Lagoas de Carregal e Vixán.